O proxecto Pegadas Lingua e Coñecemento do Medio

pegadas1PEGADAS é un completo proxecto de materiais curriculares en lingua galega destinado ao 1º e 2º cursos de Educación Primaria nas áreas de Lingua e Coñecemento do Medio.

Ofrece materiais curriculares para o alumnado, propostas didácticas para o profesorado e recursos didácticos para a aula.

Os nosos materiais

O material básico do alumnado componse dun único libro de texto de 15 unidades por curso no que se reúnen os contidos das áreas de Lingua Galega e Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, ademais doutros relacionados coa literatura (popular e de autor/a), a música, a iniciación á informática e a educación viaria.

O material complementario do alumnado para cada curso componse de dous cadernos de traballo para desenvolver, ampliar e reforzar os contidos do libro básico, ademais dun libro de lecturas (O libro de Merlín) con actividades de comprensión lectora.

O material para o profesorado ofrece unha proposta didáctica na que se inclúe a programación das áreas de Lingua Galega e Coñecemento do Medio, así como o desenvolvemento didáctico dos materiais básico e complementario do alumnado.

Os recursos didácticos da aula, na fase de lanzamento do proxecto, consisten na versión para encerado dixital interactivo do material básico para cada curso e nun espazo web con materiais de apoio para o profesorado participante no proxecto.

pd_pegadas_1_2

O noso enfoque pedagóxico

O proxecto Pegadas naceu da práctica de aula de profesorado galego con longa experiencia de traballo no 1º e 2º cursos de Educación Primaria. A secuencia de contidos e as actividades propostas foron empregadas con éxito nas aulas. Materiais didácticos concibidos e deseñados en Galicia para o profesorado e o alumnado galegos.

Cada unidade didáctica desenvolve unha proposta globalizada, a partir dun centro de interese vinculado á vivencia escolar (a familia, a casa, a escola, o sitio onde vivimos, o paso do tempo, o coidado dos animais, as plantas, a auga, os oficios e profesións…).

As nenas e nenos son o centro do proxecto: dende os seus coñecementos previos, as súas realidades próximas, os seus intereses. Desenvolven a observación a partir do coñecemento de si mesmos, da súa contorna máis próxima e das persoas que os  rodean.

A integración dos contidos impartidos en galego das áreas de lingua e medio nunha única secuencia didáctica proporciona os recursos e a motivación para conseguir unha aprendizaxe realmente significativa.

Pegadas atende ao desenvolvemento das comeptencias básicas cun enfoque transversal no que tamén están moi presentes os valores de igualdade, tolerancia, cooperación, participación, respecto polo medio…

O proxecto é sensible á evolución gradual da Eduación Infantil á Primaria procurando que os materiais poidan ser utilizables por alumnado con diferentes niveis. Pegadas presta especial atención á consolidación da aprendizaxe da lectoescritura mantendo unha secuencia gradual que permite a incorporación non traumática de ritmos máis lentos nesta aprendizaxe.

O noso equipo de autores (coñecelos)

A elaboración do proxecto Pegadas corresponde a un grupo de traballo formado por Xosé Lastra Muruais (tamén o seu coordinador), Rosana Rodiles Lamas, Marga Pernas, e Óscar González Montañés, mestres e mestras da comarca de Ferrolterra cunha longa experiencia docente na Educación Primaria e na elaboración de materiais didácticos en lingua galega.